Disco



Guitarra Clásica Galega fai un percorrido polo pasado, presente e futuro do instrumento na nosa cultura. Unha viaxe pola nosa historia, da man do recoñecido intérprete Samuel Diz, ao tempo que un canto á guitarra galega que inexplicablemente non fora formulado até o de agora.

Presentamos así unha recompilación de pezas fundamentais que nos levarán desde a década dos 30 no exilio cubano até o século XXI coa nova xeración de compositores galegos. Unha obra que constitúe o primeiro traballo destas características en Galicia realizado desde unha perspectiva viva e universal da nosa cultura. Diz comparte unha visión da guitarra non só a partir dos compositores e intérpretes galegos, senón tamén a través da pegada "que a nosa paisaxe gravou na retina doutros creadores non 'autóctonos'".

O guitarrista e musicólogo Leopoldo Neri destaca o labor de Samuel Diz na recuperación dun patrimonio esquecido ou descoñecido da tradición guitarrística galega. Segundo Neri, "este crisol caleidoscópico de pezas para guitarra, tan esplendidamente interpretadas polo tudense, desvélanos un íntimo e sensual espazo da historia musical galega e, á vez, o vigor compositivo dos nosos días”.

Este proxecto discográfico reúne nun só disco pezas como Violetas, de José Fernández Vide -que nos retrotraen ás veladas musicais ofrecidas polos compositores galegos exiliados en La Habana-, composicións neoclásicas como Pastoral, de Jesús Bal y Gay e da súa esposa Rosita García Ascot, Española -exemplos do renacemento da guitarra nas primeiras décadas do século XX-, a monumental Suite Compostelana de Frederic Mompou, ou Nocturnal (Bal y Gay) de Fernando Buide, primeira peza escrita para guitarra soa en comisión para este disco por un dos autores con maior proxección dentro dos novos compositores galegos.

Guitarra Clásica Galega nace pois como unha obra fundamental para recuperar e preservar unha parte esencial da nosa historia musical.



Tracklist
CD · 16 obras · 58 minutos

01.- Española. Rosa García Ascot (Madrid, 1902 - 2002). Pianista, discípula de Felipe Pedrell, Enrique Granados e Manuel de Falla, e íntima amiga de Federico García Lorca. Única integrante feminina do Grupo de los Ocho, en 1930 coñece a Jesús Bal y Gay na madrileña Residencia de Estudantes, contraendo matrimonio en 1933. A obra Española, enmarcada nunha estética neoclásica e con herdanza da característica estrutura de sonata de Domenico Scarlatti ou Antonio Soler, nace da transcrición do terceiro movemento da Petit Suite para piano. Partitura publicada por ©Unión Musical Española 1971. Dedicada a Regino Sainz da Maza.

02.- Pastoral. Jesús Bal y Gay (Lugo, 1905 - 1993). Compositor e musicólogo, de personalidade tranquila, sensible, modesta e erudita. En 1925 trasládase a Madrid, onde ao pouco tempo sitúase na Residencia de Estudiantes, sendo organizador dos concertos da entidade a través da Sociedade de Deportes, entrando así en contacto coa intelectualidade do momento. O 30 de decembro de 1933 é a data indicada no inédito manuscrito da súa Pastoral para guitarra, dedicada a Regino Sainz da Maza. De corte neoclásico, con estrutura roldó e linguaxe bitonal, é un exemplo do aínda descoñecido patrimonio musical creado durante os anos da República.

03.- Nocturnal (Bal y Gay). Fernando Buide (Santiago de Compostela, n.1980). Activo intérprete e creador, Doutor pola Universidade de Yale, é galardoado co VII premio de composición Aeos-BBVA. Buide era compositor residente na Real Academia de España en Roma no momento que recibe o encargo ex professo desta partitura para guitarra. Unha obra que nace en tributo a Jesús Bal y Gay, movéndose entre o improvisado e o virtuosístico.

04/09.- Suite Compostelana. Frederic Mompou (Barcelona, 1893 – 1987). O pianista e compositor catalán entra en contacto directo con Galicia a partir das súas repetidas estancias nos cursos de Música en Compostela, onde desde 1958 (ano da súa inauguración) é invitado para mostrar a súa obra pianística aos alumnos do curso. Así, escribe esta obra en seis movementos para o guitarrista nado en Linares, Andrés Segovia (director e fundador do curso), quen interpreta por primeira vez a obra en New York en 1962. 04.-Preludio 05.-Coral (sobre o Canto de Ultreia, canto peregrino medieval recollido no Códice Calixtino) 06.-Berce 07.-Recitativo 08.-Canción 09.-Muiñeira (a partir da popular Muiñeira de Lugo). Partitura publicada por ©Editions Salabert 1964.

10.- Preludio nº3. José Chás (San Pedro de Nós, 1908 - 1947). En 1978 nace en Vigo a Agrupación Guitarrística Galega, fundada e liderada polo guitarrista Uxío Mallo. Pronto conta con sucursais en diferentes cidades, organizando unha infinidade de actividades e iniciativas, quedando para nosa herdanza a publicación da Revista GVL (Guitarra-Vihuela-Laúde), editada entre 1982 e 1984 en seis exemplares, onde se recollen -xunto a outros contidos- un conxunto de partituras e arranxos de guitarristas galegos. Un exemplo, este preludio de José Chás, guitarrista, compositor e membro fundador da rondalla A Lira. A parálise progresiva conxénita que sofre protagoniza a súa vida, onde a música e a guitarra son a súa fiel compañía.

11.- Berce. Paco Barreiro (Vigo, 1953). Guitarrista membro da anteriormente citada Agrupación Guitarrística Galega, publica esta miniatura na Revista GVL. Serena canción de berce dedicado ao seu fillo Samuel, penétrase na procura de novas harmonías.

12.- SaritaTino Prados (Lugo, 1924 - 1981). Terceira partitura publicada na Revista GVL asinada polo artista lugués Tino Prados. Cultivador da música, do mesmo xeito que a arte da pintura, escribe esta mazurca dedicada ao seu bo amigo e notable guitarrista José Mª Hinojo López. A Agrupación Guitarrística Galega publica un especial monográfico en novembro de 1982 como homenaxe tras o seu falecemento.

13.- Froles d'Ouro. Manuel Herminio Iglesias (Ourense, n. 1949). Armonización e adaptación do guitarrista ourensán da melodía tradicional galega Froles d'Ouro, tamén coñecida como Alalá de Noia, e recollida no cancionero de Carlos Villalba Freire. Partitura publicada por ©Dos Acordes 2012.

14.- Violetas. José Fernández Vide (Ourense, 1893 – 1981). O mestre Vide compuxo obras para piano, voz e piano, e música coral, ademais de dúas zarzuelas galegas e un destacado número de obras para banda e orquestra, así como abundantes pezas pertencentes ao xénero da música de salón. A obra, transcrita e revisada por Javier Jurado, está integrada por unha pequena introducción á que suceden tres valses independentes, máis unha coda que resulta ser extracto do primeiro vals, final da introducción e terceiro vals da serie. A simpleza da forma, a súa sonoridad sinxela e o ritmo marcado fan da obra unha peza moi agradecida, con liñas melódicas ben definidas e cantabiles, claro exemplo do carácter das composicións de Vide. Partitura publicada por ©Dos Acordes 2011.

15.- Zidur. Hermelindo Ruiz Mestre (San Sebastián - Puerto Rico, n.1987). Danza portorriqueña escrita no verán de 2011 en Santiago de Compostela, onde Hermelindo Ruiz recibe o Premio Andrés Segovia-J. M. Ruiz Morais da clase de composición dos cursos universitarios de Música en Compostela. É alí onde o guitarrista e compositor boricua coñece en persoa a Samuel Diz, despois de varios anos de intercambio vía electrónica, e por iso o nome da obra nace como unha simbiose de ambos apelidos. Enerxía, forza e diálogo caracterizan a esta música.

16.- Labas. Oswaldo Oro (Vigo, n.1980). Labas -"ola" en lituano- pon título a esta obra composta polo guitarrista vigués no ano 2002, como chiscadela afectuosa á amizade que mantén con outros músicos nados no país Lituano. A composición, impregnada de sinxeleza, sofre modificacións con posteridade, froito da madurez musical adquirida polo seu autor. Pero, a pesar da experiencia dos anos, preséntase aquí a idea orixinal, tal cal a concibiu.






Tradición e modernidade da Guitarra Clásica en Galicia
Leopoldo Neri

Ao longo da segunda metade do século XIX comezou a artellarse unha identidade musical galega. Os textos de Manuel Martínez Murguía (1883-1923), José María Varela Silvari (1848-1926) e Indalecio Valera Lenzano (1865-1940) avogaban pola recuperación, clasificación e divulgación do patrimonio musical popular, e tiveron como consecuencia musical as obras de autores como Marcial del Adalid (1826-1881), Juan Montes (1840-1899), José Castro (1856-1917) ou Pascual Veiga (1842-1906), compositor este último da música do Himno galego. O movemento nacionalista galego chegou a un momento de apoxeo na década dos vinte con manifestacións ideolóxicas, culturais e políticas como as Irmandades da fala, a Xeración Nós ou a revista de vangarda Ronsel, na que colaborou Jesús Bal y Gay (1905-1993). Este compositor lucense xa defendeu en “O momento actual da música galega” (Nós, no 29, 1926) a universalización da música galega, extraendo do folclore a esencia mesma do seu nacionalismo, e incorporándoa ás correntes de vangarda seguindo as formulacións estéticas de Pedrell traducidas musicalmente por Falla.

Neste contexto musical enmárcase unha parte do repertorio presentado nesta gravación de Samuel Diz, quen recupera un patrimonio esquecido ou descoñecido da –por desgraza– pouco investigada tradición guitarrística galega. Violetas, de José Fernández Vide (1893-1981), está escrita dentro do xénero de pezas de salón de Tárrega e retrotráenos ás veladas musicais ofrecidas polos compositores galegos exiliados en La Habana. Seguindo esta mesma liña estética, pero cun carácter máis lírico e intimista, atopamos o Preludio no 3, de José Chás (1908-1947) ou Sarita, de Tino Prados (1924-1981) que, en certo sentido, volven a recordarnos algunhas páxinas inesquecibles (Preludios, Marieta ou Paquito) do guitarrista de Villarreal. Por outra parte, a renovación do repertorio foi unha das consecuencias máis importantes do renacemento da guitarra nas primeiras décadas do século XX. Este é o caso das neoclásicas Pastoral, de Jesús Bay y Gay e Española, de Rosa García Ascot (1902- 2002), ambas as dúas dedicadas ao guitarrista burgalés Regino Sainz de la Maza en 1933 e nas que podemos apreciar as influencias stravinskianas e neoescarlatinas que a Música Nueva da xeración de compositores españoles do 27 asimilara do legado compositivo de Falla. Nesta mesma senda atopámonos cun dos monumentos do repertorio para guitarra do século XX: a Suite Compostelana, de Frederic Mompou (1893- 1987). Composta en 1962 a instancias de Andrés Segovia, a súa transcendencia tráea a este traballo discográfico por ser unha extraordinaria visión esóxena da riqueza do feito musical galego fronte ao predominio do andaluz popular como símbolo do nacional.

Un segundo conxunto de obras xorde do forte compromiso de Samuel Diz coa creación contemporánea, o que nos permite apreciar un heteroxéneo abanico de estilos musicais. Nocturnal (Bal y Gay), de Fernando Buide (1980), é a primeira peza escrita para a guitarra soa por un dos autores con maior proxección dentro dos novos compositores galegos, na que utiliza materiais musicais da Pastoral de Bal y Gay pero tratados –segundo as súas propias palabras– desde a “introspección” e a “improvisación”. A exploración sonora, dentro dunhas marxes tonais expandidas, de Berce, do vigués Paco Barreiro (1953) ou a do guitarrista Manuel Herminio Iglesias (1949) en Froles d’Ouro – inspirada na melodía tradicional Alalá de Noia- dan paso a unha pequena excursión musical para dúas guitarras, Zidur (obra galardoada nos “Premios Andrés Segovia-José Ruiz Morales” de 2011), do portorriqueño Hermelindo Ruiz Mestre (1987). Finalmente, Oswaldo Costal Oro (1980) pecha este traballo discográfico coa súa rítmica e jazzística Labas (“ola” en lituano).

Polo tanto, este crisol caleidoscópico de pezas para guitarra, tan esplendidamente interpretadas polo tudense Samuel Diz, desvélanos un íntimo e sensual espazo da historia musical galega (sendo un primeiro paso na recuperación da tradición guitarrística de dita rexión) e, á vez, o vigor compositivo dos nosos días.

Denso Souto Outonal
Samuel Diz

Mentres realizaba os últimos anos da miña carreira en Sevilla, xurdiu a posibilidade de realizar un bonito e comprometido proxecto: o estudo e recuperación da figura e das gravacións historicas do guitarrista sevillano Juan Antonio Torres (Premio Nacional de la Musica, 1973). Un traballo discográfico publicado pola Casa de la Provincia de Sevilla, baixo o título 'Sonidos de una Juventud'. Foi naquel momento, envolto pola tradición monumental da guitarra clásica e flamenca desta cidade, cando comezou a xermolar no meu interior unha pequena semente: que pasou en Galicia, na miña terra, coa guitarra e os seus intérpretes até o dia de hoxe?

Deixei atras a Giralda cun nico rumbo en mente, Barcelona. Residencia de artistas e creadores ao longo dos anos, con especial inquietude na modernista ciutat da Belle Epoque asinada por Gaudi, o glamour e esplendor da Avinguda del Paral·lel de Frederic Mompou ou o pasado oculto do Somorrostro de Carmen Amaya.

E é entón cando empeza a florecer aquela semente (agora xa non tan descoñecida) no meu interior coa Suite Compostelana de Mompou. Un novo sinal no camino. Sinal que rapidamente se transformaría de casual en causal. É pois en Barcelona, mentres realizo os meus estudos de posgrao, cando de novo aparece unha desas bonitas e comprometidas oportunidades, por partida dobre nesta ocasión: realizar a (re)estrea de dúas obras para guitarra coa sinatura de compositores galegos: José Fernandez Vide e Jesus Bal y Gay. Dúas obras que durante décadas quedaron no esquecemento, acumulando po entre as liñas dos seus pentagramas.

A partir dese momento unha serie de acontecementos afortunados vanse sucedendo até o dia de hoxe, momento no que tes este disco nas tuas mans. Un disco onde, humildemente, intento compartir unha visión da guitarra en Galicia a partir dos seus compositores, guitarristas, repertorio e publicacións; pero ao mesmo tempo, desde unha visión universal, a partir da pegada que a nosa paisaxe gravou na retina doutros creadores non 'autóctonos'. Un proxecto vivo, onde aquela semente creceu até devir a ópera prima deste denso souto outonal...

Créditos

Gravación, edición e masterización: Pablo Despeyroux - Alevare Productions Estudios (Barcelona) Pistas 14 e 15, coa colaboración de Hermelindo Ruiz (guitarra)
Guitarra: Manuel Contreras II (2003)
Notas no interior do CD: Leopoldo Neri
Traducións: Raquel López
Deseño: Álvaro Reinoso
Fotografía: José Luis Luque Puértolas ©2012
Colabora: AGADIC - Secretaria Xeral de Cultura - Xunta de Galicia
©2012 Ouvirmos VR0204 D.L.: LU 201-2012 www.ouvirmos.com