Almadrabas de Carlos Velo e Sainz de la Maza

O cineasta galego Carlos Velo naceu o 15 de novembro de 1909 en Pereiros (Cartelle, Ourense). Aos dez anos xa estaba en Ourense para facer o bacharelato no Instituto provincial, que rematou en 1925 con premio extraordinario. Nestas aulas coñeceu a Vicente Risco e Otero Pedrayo, creando unha especial relación con Xaquín  Lourenzo "Xocas". Licenciouse en Ciencias Naturais en 1932, e entre o ano seguinte e 1935 exerceu de profesor auxiliar da cátedra de Entomoloxía da Universidade de Madrid.

En Madrid Velo vive de preto os acontecementos da época a través do seu doado acceso á Residencia de Estudiantes e as sesións do Cine club Español, activo entre 1929 e 1931 por iniciativa de Buñuel, Giménez Caballero e o círculo da revista "La Gaceta Literaria". Entre os conferenciantes que presentaban os filmes estaba Carlos Velo. Entusiasmado por esa nova actividade, cofundou en 1933 o cineclub da Federación Universitaria Escolar participando nas Misións Pedagóxicas da Institución Libre de Enseñanza.

Na capital francesa relaciónase con Luis Buñuel, co que xa tivera en Madrid un curioso contacto a través das formigas de Un perro andaluz. Buñuel pedíralle desde París ao Museo Nacional de Ciencias Naturales formigas españolas "porque as francesas eran parvas e non servían".

Ao cine sumábase o interese de Velo pola fotografía. O seu pai agasallárao cunha novidosa cámara Leica e con ela facía notábeis experimentos, claramente influídos polo surrealismo e as vangardas de finais dos anos vinte.

En 1934 realizou o seu primeiro cortometraxe, La ciudad y el campo, en colaboración co crítico cinematográfico Fernando Gutiérrez Mantilla e o apoio das productoras Cifesa e Taurus Films.

O guitarrista Regino Sainz de la Maza (1896-1981) coñeceu a Carlos Velo a través de Federico García Lorca, quizáis na propia Residencia de Estudiantes ou en La Granja el Henar -emblemático café onde solían reunirse os intelectuais galegos-. O poeta acabou sendo o asesor musical de Almadrabas (1934) e recomendou ao guitarrista burgalés para sonorizar a cinta.

Almadrabas

Esta cortometraxe, onde se amosa a pesca do atún coas madreñas e a posterior transformación do peixe na factoría para a súa distribución e venda, foi rodada no verán de 1934 en augas de Vejer de la Frontera e na factoría atuneira de Barbate, provincia de Cádiz. Velo lembra a dificultosa rodaxe no mar:

Alí estabamos nun daqueles barcos o camarógrafo e mais eu. Mantilla non subiu porque estes barcos andan ao pairo, retórcense, pero aguantamos durante toda a filmación, cando de súpeto, cando xa nos quedáramos sen película e non sabiamos o que fixeramos, doume a volta e vexo o patrón que está mareado. Un tipo que leva anos nisto, e está mareado... E eu aguantando o mareo. Caín ao chan e acordei no hotel porque quedara sen sentido. Era una cousa extraordinaria.

Producido en colaboración co Consorcio Nacional Almadrabero, o guión foi escrito por Velo e Gutiérrez Mantilla. Baixo o subtitulo La pesca del atún en Isla Cristina, a súa estrea tivo lugar no madrileñó Cine Panorama o 3 de decembro de 1934.

Almadrabas foi a primeira colaboración musical de Sainz de la Maza no cine. Os temas musicais intepretados á guitarra foron a transcripción de Schlummerlied de Robert Schumann e Andaluza, partitura do propio Sainz de la Maza. A música, sempre que aparece, ocupa o primeira plano sonoro no discurso fílmico, entrando no documental no ámbito da descripción poética.



Fontes:
Miguel Anxo Fernández: As imaxes de Carlos Velo (A Nosa Terra, 2002)
Leopoldo Neri: Regino Sainz de la Maza (1896-1981) y el renacimiento español de la guitarra en el siglo XX (Tesis doctoral, 2013 - inédito)