50 anos dun regreso: Bal y Gay e Rosita G. Ascot




43º Festival de música clásica Cidade de Lugo
50 anos dun regreso: Bal y Gay e Rosita G. Ascot
Samuel Diz, guitarra clásica


Pracer exquisito da perspectiva histórica, do pensar
que estamos paladeando algo que, certamente,
foi deleite de xentes doutros tempos. (1)


No ano 1965, tras a súa xubilación como investigador do Instituto de Bellas Artes de México, o músico e intelectual lucense Jesús Bal y Gay volta a España, xunto a súa dona, a pianista e compositora Rosita García Ascot. O seu regreso foi tímido, sen bombo e platillo, nunha España que aínda camiñaba baixo a dictadura que tres décadas atrás enviara a Bal y Gay, xunto a un grande número de persoas, ao exilio no país azteca.

Entre as súas primeiras aparicións públicas neste regreso, destaca o convite como profesor de composición nos cursos de Música en Compostela, que no Ano Santo Compostelano de 1965, reuniu no seu corpo de profesores a Andrés Segovia, Conchita Badía, Alicia de Larrocha, ou ao pianista e compositor catalán Frederic Mompou, co que xurden diferenzas na técnica e linguaxe compositivas: Eu estábame sacrificando e desollándome para meterlles na cabeza a cuestión de que a forma é esencial (en Composición), e póndolles exemplos, e que non se pode deixar correr a imaxinación ao que saia, e outras cousas. Creo que estaba comigo a maior parte daqueles mozos. Vén Mompou e o primeiro que di é: "Para min a forma non ten valor ningún. Eu nunca penso o que vou facer, nin como o vou facer: eu escribo o que me sae, sen máis” (2).

Así, o criterio e personalidade neoclásicas de Bal y Gay, que potencian a súa amizade con Igor Stravinsky durante a estanza en México, están presentes na súa Pastoral de 1933 dedicada ao guitarrista Regino Sainz de la Maza. Nese mesmo ano, Sainz de la Maza escribe o seu Scherzo, partitura que agora recuperamos neste concerto grazas á recente edición do musicólogo Leopoldo Neri.

Nesa mesma estética neoclásica, profesada ao longo da vida de Bal y Gay, enmárcase a súa Serenata para orquestra de corda de 1941-42, estreada un ano máis tarde por Carlos Chávez coa Orquestra Sinfónica de México. En España, a partitura interprétase por vez primeira na IV Semana do Corpus Lucense, baixo a batuta de Rafael Frühbeck de Burgos coa Orquestra Nacional de España, o 18 de xuño de 1973. Entre o público deste evento único na historia, atopamos a Luis Seoane, do que lemos na súa correspondencia a Bal y Gay: Recibimos a túa carta agora mesmo cando iamos enviar o debuxo que te adxunto. O sábado comentabamos con García-Sabell a beleza da Serenata e a alegría que nos produciu. Estamos moi contentos de escoitala (3).

A maxia colectiva deste concerto, que permanece en múltiples referencias bibliográficas e epistolares, aínda está presente na memoria do hispanista e poeta lucense Claudio Rodríguez Fer, do que recentemente recollimos o seu testimonio: A miña asistencia, impresionada e emocionada, ao concerto na Igrexa de San Pedro de Lugo absolutamente ateigada de público, foi tanto debida ao consello do meu vello amigo Ánxel Fole como ao meu fervor por descubrir a entón aínda oculta cultura da diáspora. Lembro entre o público a Celestino Fernández de la Vega, gran valedor de Bal, e a moitos outros intelectuais que daquela eu non identificaba (Álvaro Gil, Luis Seoane, Domingo García-Sabell, Xosé Filgueira Valverde). Para min, foi un concerto iniciático á gran música galega nun tempo no que escoitaba por igual a Bach, a Leonard Cohen e a Led Zeppelin.

Xunto as múltiples vivencias na Residencia de Estudiantes, á que Bal y Gay chega en 1925, o maxisterio e obra de Manuel de Falla impregnaron a personalide de Bal y Gay dende a súa adolescencia. Xa en 1924, no segundo número da revista Ronsel, Bal y Gay define a Falla, xunto a Igor Stravinsky e Maurice Ravel como un asombroso triángulo de lados infinitos, alento das novas xeracións! (4)

Con Manuel de Falla, Bal y Gay adéntrase no estudo do repertorio da guitarra e os seus antecesores, nas continuas visitas a Granada xunto a Rosita na década dos 30', onde imaxinamos que tamén coinciden con Federico García Lorca na Taberna do Polinario, continuando así a amizade que nacera anos atrás en Madrid.

Hoxe, lembramos a vida e obra de Jesús Bal y Gay no mesmo marco no que en 1973 o público lucense escoitou por vez primeira a súa obra para orquestra. Xunto a memoria histórica, a nosa humilde homenaxe remata coa interpretación de Nocturnal (Bal y Gay) do compostelán Fernando Buide, partitura para guitarra escrita en 2012 durante a súa estanza na Academia Española de Roma, en comisión para o disco Guitarra clásica galega (Ouvirmos, 2012).


Síntese alí que o presente é unha viva prolongación do pasado,
ou que o pasado é elemento nutricio do presente.
E todo con liberdade, intelixencia e
sentido estético da vida. (5)



Fonte de citas:
(1) Bal y Gay, Jesús - Romances y Villancicos Españoles del Siglo XVI (La Casa de España en México, 1939)
(2) (3) VV.AA. - Jesús Bal y Gay. Tientos y silencios 1905-1993 (Residencia de Estudiantes. Madrid, 2005)
(4) Bal y Gay, Jesús - Trilátero, Revista Ronsel (Editorial Ronsel. Lugo, 1924)
(5) Bal y Gay, Jesús - La dulzura de vivir (Editorial Ecuador 0°,0',0". México, 1964)